Rap, monicreques e moita diversión son os ingredientes que utiliza este vídeo de pouco máis dun minuto para lles transmitir aos nenos e nenas a importancia de seguir unha alimentación saudable.
"Se san queres estar, move o corpo sen parar". "Almorza variado para estar ben animado". Velaquí algúns dos versos que cantan os lunnis neste simpático vídeo educativo dirixido a nenos de entre catro e 12 anos.
Lucho, Lula e mais a bruxa Lubina, xunto co resto de lunnis –que xa levan máis dunha década de éxitos entre o público infantil televisivo– convértense nuns moi divertidos embaixadores da vida sa para os máis cativos da casa.
Unha potente ferramenta que poden utilizar pais e educadores que lles queiran transmitir aos seus nenos e nenas a importancia dunha alimentación e hábitos de vida saudables do xeito máis ameno.