Alimentación saudable é un traballo de animación moi didáctico, que repasa polo miúdo as necesidades nutricionais dos nenos e nenas mentres lles ensina que facer para se alimentaren dun xeito san.
O vídeo revisa, en pouco máis de cinco minutos, as funcións dos diferentes tipos de alimentos, o labor dos nutrientes para o funcionamento do corpo humano e mais as consecuencias negativas da mala nutrición.
A animación lembra cales son as comidas recomendadas durante o almorzo, recreo, xantar, merenda e cea; e introduce prácticas regras para que os escolares coñezan a proporción de cada tipo de alimentos que deben inxerir se queren manter unha alimentación saudable.
Este recurso educativo tampouco esquece lembrar o impacto que os nosos hábitos de consumo teñen sobre o medio natural, cun repaso á coñecida regra dos tres erres: reducir, reutilizar e reciclar.
Trátase dunha práctica lección, en formato de vídeo de animación, que pode resultar un material didáctico de apoio moi útil para aqueles profesores que traballen conceptos como a pirámide nutricional ou os bos hábitos alimentarios cos seus alumnos.