Idade:
Alumnos de infantil e cursos iniciais de primaria.
Idioma do recurso:
Castelán
Valores que traballa:
Prevención da obesidade a través da actividade física saudable.
Descrición:
Barrio Sésamo: O Conde conta movementos é un xogo activo que fomenta o exercicio físico divertido como medio para combater o sobrepeso e a obesidade. O xogo está creado para nenos e nenas de educación infantil e primaria.
O Conde Draco, monicreque da serie educativa Barrio Sésamo, que tiña como principal cometido ensinarlles aos escolares a contar, vai ser o encargado de motivar aos escolares neste divertido xogo activo.
A idea consiste en imprimir os dous dados animados da actividade, e en pegalos nunha cartolina antes de recortalos. Un deles incorpora bonecos que realizan accións físicas –correr, saltar, bailar, etc.-, mentres que o segundo é un dado habitual, con números do un ao seis nas súas caras. Ambos os dous están dispoñibles no enlace da ficha, nas páxinas 15 e 16.
Os nenos reuniranse nun lugar amplo, ao aire libre ou nunha aula interior espazosa. Un dos alumnos ou alumnas lanza o cubo de movemento: a acción que saia será a que todos van facer. Outro dos escolares será nomeado O Conde: este será o encargado de lanzar o cubo de números para saber cantas veces van facer o movemento. E toda a clase contará co Conde en voz alta!
A proposta é repetir o xogo ata que todos os escolares lanzaran cando menos unha vez o cubo de movemento ou o cubo de números.
O Conde conta movementos, creado pola asociación Sesame Workshop, é un orixinal xogo, doado de pór en práctica, que fomenta a actividade física saudable entre os escolares de primaria e infantil mediante o xogo, e dun xeito moi divertido.